A worldwide community photographing and learning about wildlife
Cancer pagurus
O boi de mar (Cancer pagurus, Linneo 1758) é un crustáceo comestible da orde dos decápodos, de gran interese comercial en Galicia. É a especie do xénero Cancer que alcanza maiores tamaños, cun cacho de ata 20 cm de longo e 30 cm de ancho, e pesos de ata 4-6 kg, se ben son absolutamente inusuais estes tamaños. Como corresponde á denominación taxonómica da Orde, posúe dez patas, entre as que destaca o primeiro par, dotado dunhas pinzas grandes e moi fortes, coas puntas negras (quelípodos) e dentes romos nas marxes internas. Atribúese o nome común á semellanza destas pinzas cos cornos dun boi. "Llaman los gallegos 'bois' a unos como cangrejos grandes, pero no redondos sino largos de casi un palmo con la crusta tersa y con dos brazos monstruosos; del latín 'boves'. Y porque dichos brazos, que en latín llaman 'chelas', en gallego 'cocas', representan la cornamenta de un buey, se llamaron 'bois' " Fr. Martín Sarmiento: Colección 1746-1770 As outras son finas, con pelos (ou sedas) ríxidos, curtos e abundantes, sen espiñas, e rematadas en uñas agudas e simples. O cacho é ovoide, máis ancho ca longo, de cor castaña avermellada, variando segundo o tempo trascorrido trala última muda; os exemplares novos tiran a púrpura. A superficie superior do cacho é lisa, cun fino granulado. Mostra no bordo anterior 9-10 festóns a modo de anchos dentes a cada lado, separados por fisuras pechadas. O ventre é de cor máis clara, case brancuxa. O abdome queda recollido baixo o cefalotórax, e permite unha fácil identificación do sexo do exemplar: nos machos é estreito e ten 5 segmentos; nas femias é ancho, redondeado e con 7 segmentos.
Trátase dunha especie de fondo, que vive a profundidades que oscilan entre os 30 metros, no verán, e os 100, no inverno, sobre fondos areosos ou rochosos. Os exemplares máis novos, ata 5-6 cm, viven na zona intermareal. Depreda sobre outros invertebrados que colonizan o fondo mariño. Habita en toda a costa atlántica europea, desde o norte de Marrocos ó norte de Noruega (ata uns 70 º N); existen rexistros, pero escasos e antigos, na costa norte do Mediterráneo. A cópula ten lugar trala muda das femias, que almacenan o seme durante períodos de ata 12-14 meses. A posta de ovos realízase a partir de outono, quedando recollidos polo abdome e os seus apéndices baixo o corpo da femia durante 6-8 meses. As larvas eclosionan no verán e teñen hábitos peláxicos ata que ós 2-3 meses, tras varias mudas, establécense xa no fondo, cun tamaño duns poucos milímetros e xa coa forma característica. É de crecemento moi lento: alcanzan a madurez ó cabo de 5-6 anos de idade, cando chegan a tamaños de 12 cm de lonxitude.
puede que fuera la merienda de una gaviota, o el desalluno
No Comments